Activuidade 53. Cal é a esencia do proceso evolutivo.

 

Variabilidade:

O fenotipo de cada organismo individual depende do seu xenotipo e da influencia do ambiente no que vive. Unha parte substancial da variación nos fenotipos dunha poboación débese á diferenza nos seus xenotipos. A síntese evolutiva moderna define evolución como o cambio co paso do tempo nesta variabilidade xenética. A frecuencia dun determinado alelo faise máis ou menos prevalente en relación con outras formas dese xene. A variabilidade desaparece cando un novo alelo chega ao punto en que se fixa, é dicir, cando desaparece totalmente da poboación ou substitúe por completo o alelo ancestral.

Mutación

As mutacións son cambios na secuencia de ADN do xenoma dunha célula. Cando ocorre unha mutación, pode non ter efecto, alterar o produto de un xene  ou impedir que o xene funcione. Baseándose nos estudos realizados na mosca Drosophila melanogaster, suxeriuse que se unha mutación cambia a proteína producida por un xene, isto seguramente será prexudicial, xa que aproximadamente o 70% destas mutacións teñen efectos daniños, e o resto en canto aos seus efectos son neutras ou lixeiramente beneficiosas.

Sexo e recombinación

Nos organismos asexuais, os xenes hérdanse todos xuntos, ou ligados, xa que non se poden mesturar con outros xenes doutros individuos durante a reprodución. Polo contrario, a descendencia dos organismos sexuais contén mesturas aleatorias dos cromosomas dos seus proxenitores que se formaron por distribución independente(tipicamente a metade dos cromosomas procede da nai e o outra metade do pai). Nun proceso relacionado chamado recombinación homóloga, os organismos sexuais intercambian ADN entre dous cromosomas que se corresponden (os chamados pares de cromosomas homólogos). A recombinación e a distribución independente non alteran as frecuencias dos alelos, pero si crean novas combinacións de alelos que levará o individuo, producindo unha descendencia con novas combinacións de alelos, que non van ser iguais ás dos seus pais. O sexo xeralmente incrementa a variabilidade xenética e pode incrementar a taxa de evolución.

Fluxo xénico

O fluxo xénico ou xenético é o intercambio de xenes entre as poboacións dunha especie e entre especies. Xa que logo, pode ser unha fonte de variabilidade nova para unha poboación ou especie. O fluxo xénico pode ser causado polo movemento de individuos entre poboacións separadas dunha especie, como pode ser o movemento de ratos de poboacións do interior do continente cara ás poboacións costeiras, ou o movemento de pole entre plantas herbáceas tolerantes a metais pesados (que viven en áreas contaminadas con eses metais) e outras sensibles a eses metais. 

Mecanismos:

Desde unha perspectiva neodarwinista, a evolución ocorre cando se producen cambios na frecuencia dos alelos nunha poboación de organismos que se poden aparear entre si. Por exemplo, se o alelo para a cor negra nunha poboación de avelaínas e fai máis común, iso supón un cambio evolutivo. Os mecanismos que poden orixinar estes cambios nas frecuencias dos alelos son a selección natural, a deriva xenética, o autostop xenético, a mutación e fluxo xénico.
 

Selección natural

A evolución por medio da selección natural é o proceso polo cal as mutacións xenéticas que melloran a reprodución (posibilidade de deixar fillos) fanse máis comúns e mantéñense en sucesivas xeracións dunha poboación. A miúdo tense considerado como un mecanismo "evidente" porque se segue necesariamente de tres simples feitos:

  • A variación herdable existe nas poboacións de organismos.
  • Os organismos producen máis proxenie da que pode sobrevivir.
  • Esta descendencia varía na súa capacidade de sobrevivir e reproducirse.
 A selección natural pode actuar en diferentes niveis de organización, como os xenes, células, individuos, grupos de individuos e especies.

Mutación nesgada

Ademais de ser unha das fontes principais de variabilidade, a mutación pode tamén funcionar como un mecanismo evolutivo cando hai diferentes probabilidades a nivel molecular de que ocorran as mutacións, un proceso que se coñece como nesgo na mutación. Se temos dous xenotipos, por exemplo un co nucleótido G e outro co nucleótido A na mesma posición, que teñen a mesma fitness, pero a mutación de G a A ocorre con máis frecuencia que a mutación de A a G, entón os xenotipos con A tenderán a evolucionar. Diferentes nesgos nas mutacións de inserción fronte a deleción en distintos taxóns poden causar a evolución de diferentes tamaños xenómicos. O nesgo mutacional ou de desenvolvemento foi tamén observado na evolución morfolóxica. Por exemplo, segundo a teoría da evolución de fenotipo primeiro, as mutacións poden causar eventualmente a asimilación xenética de trazos que eran previamente inducidos polo ambiente.

EXTINCIÓN

A extinción é a desaparición de toda unha especie. Non é un evento inusual, e, de feito, practicamente todas as especies animais e vexetais que viviron na Terra están actualmente extintas, polo que parece que a extinción é o destino final de todas as especies. As extincións prodúcense continuamente ao longo da historia de a vida, aínda que a taxa de extinción aumenta drasticamente en eventos de extinción ocasionais.


Comentarios